sexta-feira, 20 de abril de 2018

Herba e leiterías


Apañar herba.

Un dos meus paseos preferidos realízoo a cotío para apañarlles herba aos coellos e ás galiñas. En realidade non é paseo porque é ao pé da casa e por tanto resulta excesivamente curto como para ser considerado camiñada. Por riba, vou con fouciño e carretilla, así que máis semello un labrego apegado ás tradicións que un sendeirista de decathlon e gps dos tempos actuais. No meu caso non hai esforzo algún, só o abraio de pararse a contemplar, de ter tempo, os cambios que ofrece a natureza. Nesta ocasión foron as cerdeiras do veciño as que me chamaron. Non puiden menos de achegarme a elas, de verlles as flores, de meterme entre as súas pólas e de tirar un par de fotos. Non fixen nada novo, porque todos os anos me chaman a atención, e, sempre, en todos os anos e en todas as épocas, acabo por fotografalas. Polas flores, polos froitos ou ata por ese  colorido de finais de verán que as transforma nunhas árbores novas e dignas, erguendo ao ceo moi dereitas as súas polas, namentres se desangran en lucidas colores como anticipo a un letargo invernal no que se preparan, na máis absoluta desnudez, para soportar os fríos. E vense tan necesitadas neses grises días tristes que ata os paxaros, que lles papan todas as cereixas que poden no verán, volven a elas para facerlles compaña.  Hoxe non había paxaros, hoxe fun eu só o que andou a remexer por entre elas, coma se me quixese impregnar da súa brancura fresca aproveitando un dos escasos días de sol que nos leva dados esta primavera.
E os coellos e as galiñas? Felices coma min, por poderen desfrutar da herba e das leiterías que lles vou collendo.





Do branco das flores da cerdeira
ti
que as mirabas
tés a sombra
tés pétalos 
perdidos

coma olores do azar máis fuxidío.












.